O xoves 30 de agosto visitaremos Somiedo, en Asturias, para coñecer a gandería da zona, especialmente sobre o manexo do gando en extensivo e a súa relación e convivencia coa fauna salvaxe, como o lobo.
A visita enmárcase dentro do proxecto WOLF, que trata de buscar a mellora da convivencia entre a fauna salvaxe, especialmente o lobo, e a gandería.
Nesta visita reunirémonos con gandeiros/as da zona que teñen gandería en extensivo e non estabulada e que conviven coa fauna salvaxe entre a que se atopan o oso e o lobo, entre outros. Coñeceremos tamén o programa de conservación das razas autóctonas da zona (asturiana de los valles, asturiana de montaña, ...), e poderemos consultar que relación hai entre a normativa ambiental, e concretamente a de protección do parque, e a gandería.
O proxecto WOLF sufragará o custe da viaxe, pero cada persoa asistente deberá costearse o xantar.
No caso que fixeran falta máis medios de transporte dos previstos e non nos chegara o presuposto do proxecto para elo, pagaríase entre todos ese extra, que serían aproximadamente 2 euros por persoa. Supoñemos de tódolos xeitos que non será preciso, e animámosvos a vir.
As saídas serán dende Navia de Suarna (ás 8.00 horas); dende Becerreá (ás 8.30 horas) e dende Pedrafita do Cebreiro (ás 9.00 horas). A viaxe dura aproximadamente 3 horas. Pola mañá e pola tarde, conversarase con gandeiros da zona, algún técnico, e visitaranse explotacións, parando ao medio día para xantar. Sairase de Somiedo aproximadamente ás 19.00 horas para chegar cara ás dez da noite.
Para anotarse ou preguntar calquera dúbida, débese chamar ao teléfono da Asociación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario