17/01/2012

Reunión sobre a situación social na montaña

O martes 17 de xaneiro pola tarde manteremos en Becerreá unha reunión con diferentes axentes do territorio para falar da situación social nun sentido amplo. 

 Pretendemos con esta reunión favorecer o contacto entre as persoas ou entidades que realizan labouras no eido social, para coñecerse, intercambiar experiencias e establecer lazos. Asimesmo, e xa entrando específicamente nos obxectivos da reunión, queremos propoñer un debate sobre a situación social en xeral, que nos permita obter unha radiografía da situación para posteriormente facer propostas de actuación.

A convocatoria da reunión realizouse ás entidades socias pertencentes á mesa sectorial da Vida Cotiá dos Pobos, pois este é a temática sectorial que as engloba, así como tamén a outras persoas e entidades que traballan na zona nos diferentes ámbitos: servizos sociais, persoas dependentes, situación de colectivos determinados, relacións sociais, e problemas específicos como o illamento e soidade en determinadas áreas e colectivos. 

A reunión, igualmente, queda aberta a todas aquelas persoas que consideren que poden aportar opinións e ideas sobre esta temática. 

A reunión celebrarase ás cinco da tarde na Casa da Cultura de Becerreá, situada na rúa Eulogio Rosón.

09/01/2012

Resumen da Reunión TEITOS DE PALLA do 7 de xaneiro

Na pasada reunión celebrada o sábado 7 de xaneiro sobre os Teitos de Palla, podemos extraer as seguintes conclusións:

- Asistimos aproximadamente unhas 20 persoas, algunhas das cales xa asistiran anteriormente ás outras reunións, e outras asistían por primeira vez. Foi gratificante ver como hai moitas persoas interesadas en formar parte da asociación de propietarios/as de teitos de palla.

- Avanzouse na elaboración duns Estatutos para unha asociación de propietarios de teitos de palla, correxíndose poucos aspectos respecto do borrador inicial. No seguinte enlace, pódese descargar a última versión dos estatutos:

Acordouse asimesmo realizar unha vindeira xuntanza no sábado 21 de xaneiro, para CONSTITUIR a Asociación de propietarios/as. Así pois a convocatoria para constituir a Asociación Cultural Teitos de Palla queda fixada:

Reunión para constituir a Asociación Cultural Teitos de Palla.
Sábado 21 de xaneiro de 2012, ás 11.30 horas da mañá.
Lugar: Rúa Bolaño Mendo s/n, Becerreá, no local da Asociación de Desenvolvemento Rural Ancares - Courel (antiga escola de Becerreá, onde hoxe se ubica a Oficina Agraria Comarcal).

31/12/2011

Convocatoria reunión TEITOS DE PALLA

Seguindo coa liña de traballo sobre a conservación dos teitos de palla, convocamos aos/ás propietarios/as de construccións teitadas de palla: pallozas, celeiros, hórreos, etc., a unha próxima reunión que se celebrará...

o SÁBADO 7 DE XANEIRO ÁS 11.30 NO LOCAL SOCIAL DO GDR, UBICADO EN RÚA BOLAÑO MENDO S/N. EDIFICIO SAN XOÁN (a antiga escola, onde hoxe está tamén a oficina agraria comarcal).

O motivo da reunión é avanzar na constitución da Asociación de propietarios/as de teitos de palla, tal e como se acordara na reunión anterior, celebrada en setembro en San Román de Cervantes.

Nos seguintes enlaces, pódese acceder á documentación relacionada:

- Borrador de Estatutos dunha asociación de propietarios de teitos de palla.
- Resumo das conclusións da reunión de xullo en Piornedo.

03/12/2011

A Deputación Provincial buscará fondos para a Reserva da Biosfera dos Ancares.

Segundo o acordado na Xunta de Goberno da Deputación provincial de Lugo do pasado día 25/11/2011, esta entidade concurrirá durante o 2012 á convocatoria de sinatura de convenios co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, para as Reservas da Biosfera.

De seren aprobados, os convenios de colaboración darían acceso a fondos para actuacións a desenvolver entre o 2012 e o 2013 na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá, así como na Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

Concretamente solicitaranse, segundo a web, 1,6 millóns de euros ao MARM, que sumados aos 800.000 euros que aportaría a Deputación, farían un total de 2,4 millóns de euros disponibles para traballos e actuacións sobre as reservas, entre os anos 2012 e 2013.

Segundo se pode ler na acta da reunión da Xunta de Goberno da Deputación, os fondos se poderían destinar a diversos tipos de actuación. Algúns exemplos serían:
Inventario de espazos degradados e accións de protección, inventario de rutas e elaboración de packs - turísticos, divulgación e información orientada ás empresas turísticas, sinalización de zonas recreativas, culturais, etc., centros de atención de visitantes e puntos de información, accesibilidade a zonas de maior interese, elaboración dunha web informativa, etc.

Máis información en:

- Nova na web da Deputación Provincial.
- Acceso á Acta da Xunta de Goberno da Deputación do 25/11/2011, na que se toma o acordo.
.

01/12/2011

XX Certame Literario A PIPA de Becerreá

Neste mes celebrarase o XX Certame Literario A PIPA da Alta Montaña Luguesa, xunto coa Noite Poética A Pipa 2011 e a presentación do libro Dramatículas.

O tema é libre, e hai de prazo ata o 22 de nadal para presentar unha obra, nas seguintes características

CATEGORÍAS:
 - Infantil (de 8 a 14 anos),
 - Xuvenil (de 14 a 18 anos),
 - Revista (maiores de 18 anos).

MODALIDADES:
- Poesía (máximo 50 versos),
- Relato, narración ou conto (máximo 5 folios, ...).



12/11/2011

Nova Lei de turismo de Galicia e Mapa de Xeodestinos de Galicia

A Xunta presentou o día 30/11/2011 o mapa de xeodestinos de Galicia.
ver nova

O xeodestino número 6 é o de Ancares - Courel, que integra aos concellos de A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Baleira, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Triacastela, Samos, O Incio, Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel.

O concello de Baralla sitúase no xeodestino Lugo e Terra Chá.

No folleto escaneado a continuación, pódese ver o mapa de distribución de concellos por xeodestinos, e información sobre o xeodestino Ancares - Courel.

Ver documento xeodestino 6.

A nova lei de turismo de Galicia (descargar Lei 7/2011 de 27 de outubro, do turismo de Galicia.), recolle estes xeodestinos basado en que, segundo a propia Consellería de Cultura e Turismo, "O impulso desta nova ordenación pretende promocionar a singularidade e diferencia da nosa oferta turística co obxectivo, en definitiva, de incitar ao aumento da estancia media dos visitantes á Comunidade, ao comunicar a mensaxe de que Galicia é un multidestino. Trátase ademais de aunar esforzos, establecer canles de cooperación no territorio cos axentes públicos e privados en aras de racionalizar os investimentos e recursos económicos."

11/11/2011

Demostación varrido das redes para recoller castañas

Mañá día 12 realizaremos de 11.30 a 13.00 horas demostracións de varrido das redes para recoller castañas qeu temos instaladas nunha pequena pacel do souto de Mostad.

Calquera persoa poderá achegarse a ve-la demostración, ou mesmo probar a levar as redes, pesalas, e intercambiar connosco apreciacións sobre o ensaio. Trátase de testar novas formas de recoller castañas, e aportar ideas para mellorar este método.

Para consultas, poden chamar ao 982360824 ou ben ao 606035964 (lamentablemente non teremos cobertura en moitos lugares do Caurel para poder atendelos cando esteamos alí).

04/11/2011

CONSUMIR PARA CONSERVAR .... BIODIVERSIDADE.

O vindeiro martes 8/11/2011, ás 12.00 horas, teremos unha reunión no local da Asociación con persoas vinculadas co sector alimentario da provincia de Lugo, Ourense, e persoal da Fundación Félix Rodríguez de La Fuente.

O motivo da reunión é dar a coñecer o proxecto "Consumir para Conservar", que se fai en cooperación entre varios grupos de desenvolvemento rural españois, entre os que tamén está o grupo ourensán da zona do Xurés (GDR O Vieiro Leboreiro). 

O Proxecto ten como obxectivo final, en resumo, potenciar o consumo entre a cidadanía en xeral española, de produtos alimentarios que contribúen dunha maneira ou doutra á conservación da biodiversidade. Consíguese así potenciar tamén o consumo de producións minoritarias, moitas veces producidas por pequenos produtores locais, e moitas veces producidas en áreas de alto valor natural, tales como zonas de Rede Natura e outros espazos protexidos.

O proxecto ten unha primeira fase de inventariación de produtos e contacto con produtores, transformadores e comercializadores, e unha segunda fase de promoción do consumo destes produtos ao público xeral español. 

No territorio de Ancares-Courel, son moitos os produtos encaixables neste proxecto: variedades escasas de castaña e outras froitas, razas autóctonas (porco celta, razas autóctonas de vacún galegas ou asturianas, etc.). Asimesmo, hai outras producións tales como o mel de brezos protexidos, ou as ganderías que pastorean en pastos naturais, que coa súa presenza tamén contribúen á conservación destas especies vexetais.

Na reunión do vindeiro martes, presentaremos pois o proxecto aos axentes que traballan en produción alimentaria, quedando as portas abertas a todas aquelas persoas interesadas en asistir á mesma. Non é preciso confirmar con antelación. Para consultas, poden chamar ao 982 360 824.

A PAC DESPOIS DO 2013. AVANCES NO DESEÑO.

No enlace indicado a continuación, pódese ler a Proposta do Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
IR A PROPOSTA DE REGULAMENTO.
O Regulamento que se aprobe será o documento básico de referencia sobre a PAC 2014-2020, pois nel se recollerá o funcionamento de tódalas liñas de axudas referidas á agricultura, gandería, produción forestal, Programa Leader... , en resumo, do Desenvolvemento Rural.
De momento, está publicado este borrador, que se someterá a negociacións entre os Estados ata a primaveira do vindeiro ano.

03/11/2011

Ensaio de Recollida de Castañas con Redes

Recentemente temos instaladas nunha pequena parcela do souto de Mostad (Folgoso do Courel), un ensaio de recollida de castañas con redes de pesca reutilizadas.


Este ensaio busca probar alternativas á recollida de castañas manual en soutos de relevo irregular e elevada pendente, que poidan supor un menor custe nesta fase inicial do castañal.
O ensaio englóbase na liña de traballo en torno á castaña e os soutos, e é unha proposta recollida das reunións que celebramos en Seoane do Courel en torno á situación dos soutos e as capacidades produtivas de castaña. Está sufragado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, a través do proxecto de cooperación entre GDRs titulado "Nuevos Horizontes" (http://proyectonuevoshorizontes.blogspot.com/).



Podese visitar esta parcela experimental, entrando dende o pobo de Mostad. A parcela ubícase a uns 800 metros do pobo, e se accede a pé ou en todoterreo. Tárdase aproximadamente 15 ou 20 minutos en chegar dende Mostad, andando. É conveniente andar con precaución, debido sobre todo a posibles caídas de canas e árbores causados polos fortes ventos dos últimos días. De feito, un dos camiños de acceso ao souto está obstaculizado pola caída recente dun castiñeiro.

Ben sabemos que este ano, debido ás condicións climáticas singulares habidas durante o estío, a produción de castaña non é a habitual. En xeral, estímase que hai moi pouca produción, e que o tamaño da castaña é moi quequeno en comparación con outros anos. Por outra banda, os fortes ventos e chuvias repentinas dos últimos días tamén favoreceron que caesen demasiadas canas e follaxe antes do previsto. Por todo isto, este ensaio non vai dar uns resultados que se poidan levar a outros anos, pero si servirá de primeira referencia e experiencia de traballo con redes.

En breve prazo, publicaremos os resultados dos cálculos de tempos, rendemento e custes obtidos neste ensaio.

Para consultas, poden chamar ao número 982360824.

13/10/2011

A PAC DESPOIS DE 2013. Primeiros avances.

Mañá venres, ás 17.00 horas, se impartirá en Lugo unha conferencia sobre "As perspectivas financieiras da reforma da PAC", por parte de D. José Manuel Silva Rodríguez, Director Xeral de Agricultura da Comisión Europea. Lembramos que estamos no momento de pleno debate sobre o futuro da PAC para o vindeiro periodo 2014-2020.

Esta conferencia é aberta á sociedade, e enmárcase na serie de conferencias abertas dentro do máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio que organiza a Universidade de Santiago de Compostela.

           Lugar: Salón de actos. Escola Politécnica Superior
          14 de outubro ás 17:00 horas

Aproveitamos tamén este tema aberto para destacar que onte, 12 de outubro, o Comisario Europeo de Agricultura, Dacian Ciolos, presentou o borrador do esquema que guiará a Política Agraria Común despois do 2013. Esta nova de prensa da Comisión, conta moi resumidamente as 10 liñas principais da proposta inicial da futura PAC: VER (unha vez aberto o enlace web, pinchar onde pon "ES" para ver o documento en español").