3 nov 2011

Ensaio de Recollida de Castañas con Redes

Recentemente temos instaladas nunha pequena parcela do souto de Mostad (Folgoso do Courel), un ensaio de recollida de castañas con redes de pesca reutilizadas.


Este ensaio busca probar alternativas á recollida de castañas manual en soutos de relevo irregular e elevada pendente, que poidan supor un menor custe nesta fase inicial do castañal.
O ensaio englóbase na liña de traballo en torno á castaña e os soutos, e é unha proposta recollida das reunións que celebramos en Seoane do Courel en torno á situación dos soutos e as capacidades produtivas de castaña. Está sufragado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, a través do proxecto de cooperación entre GDRs titulado "Nuevos Horizontes" (http://proyectonuevoshorizontes.blogspot.com/).



Podese visitar esta parcela experimental, entrando dende o pobo de Mostad. A parcela ubícase a uns 800 metros do pobo, e se accede a pé ou en todoterreo. Tárdase aproximadamente 15 ou 20 minutos en chegar dende Mostad, andando. É conveniente andar con precaución, debido sobre todo a posibles caídas de canas e árbores causados polos fortes ventos dos últimos días. De feito, un dos camiños de acceso ao souto está obstaculizado pola caída recente dun castiñeiro.

Ben sabemos que este ano, debido ás condicións climáticas singulares habidas durante o estío, a produción de castaña non é a habitual. En xeral, estímase que hai moi pouca produción, e que o tamaño da castaña é moi quequeno en comparación con outros anos. Por outra banda, os fortes ventos e chuvias repentinas dos últimos días tamén favoreceron que caesen demasiadas canas e follaxe antes do previsto. Por todo isto, este ensaio non vai dar uns resultados que se poidan levar a outros anos, pero si servirá de primeira referencia e experiencia de traballo con redes.

En breve prazo, publicaremos os resultados dos cálculos de tempos, rendemento e custes obtidos neste ensaio.

Para consultas, poden chamar ao número 982360824.

No hay comentarios: