O motivo da reunión é dar a coñecer o proxecto "Consumir para Conservar", que se fai en cooperación entre varios grupos de desenvolvemento rural españois, entre os que tamén está o grupo ourensán da zona do Xurés (GDR O Vieiro Leboreiro).
O Proxecto ten como obxectivo final, en resumo, potenciar o consumo entre a cidadanía en xeral española, de produtos alimentarios que contribúen dunha maneira ou doutra á conservación da biodiversidade. Consíguese así potenciar tamén o consumo de producións minoritarias, moitas veces producidas por pequenos produtores locais, e moitas veces producidas en áreas de alto valor natural, tales como zonas de Rede Natura e outros espazos protexidos.
O proxecto ten unha primeira fase de inventariación de produtos e contacto con produtores, transformadores e comercializadores, e unha segunda fase de promoción do consumo destes produtos ao público xeral español.
No territorio de Ancares-Courel, son moitos os produtos encaixables neste proxecto: variedades escasas de castaña e outras froitas, razas autóctonas (porco celta, razas autóctonas de vacún galegas ou asturianas, etc.). Asimesmo, hai outras producións tales como o mel de brezos protexidos, ou as ganderías que pastorean en pastos naturais, que coa súa presenza tamén contribúen á conservación destas especies vexetais.
Na reunión do vindeiro martes, presentaremos pois o proxecto aos axentes que traballan en produción alimentaria, quedando as portas abertas a todas aquelas persoas interesadas en asistir á mesma. Non é preciso confirmar con antelación. Para consultas, poden chamar ao 982 360 824.
No hay comentarios:
Publicar un comentario